GL ES EN
ENTREGA PREMIOS I CONCURSO DE DESEÑO DE SUADOIRO FEE
ENTREGA PREMIOS I CONCURSO DE DESEÑO DE SUADOIRO FEE
06/04/2021

O alumno do Programa de simultaneidade do Grao en Turismo e o Grao en Ciencias Empresariais; Iago Fernández del Río, gaña o I Concurso de deseño do suadoiro e outros artigos da Facultade de Economía e Empresa convocado polo Pan de Acción Titorial (PAT) do centro.

A través deste concurso, o PAT da Facultade de Economía e Empresa quixo dar unha maior publicidade e visibilidade tanto á Facultade coma ao seu PAT. Ao concurso presentáronse un total de 28 deseños de grande calidade propostos por alumnado das diferentes titulacións impartidas no centro.

 

O xurado, composto por representantes do PDI, o PAS e o alumnado, valorou especialmente aqueles traballos que tiñan un motivo ou mensaxe principal que representaba á Facultade de Economía e Empresa e o seu estudantado.

En palabras do seu autor, no deseño gañador “represéntase un concepto básico da economía, a lei da oferta e a demanda na que o equilibro do mercado, punto central, é o nome da Facultade de Economía e Empresa. A intención do deseño é utilizar un concepto recoñecido no ámbito empresarial para aplicalo ao novo posible logo da facultade”.

O alumno premiado, Iago Fernández del Río, recolleu o seu galardón, o pasado 6 de abril, no Salón de Grao da Facultade de Economía e Empresa, da man do Decano da Facultade, Manuel Alberto Gómez Suárez, onde recibiu un cheque por valor de 200 euros e un lote de artigos co deseño gañador implementado.

Neste mesmo acto, ao que asistiron, entre outros, membros do Xurado, o Vicedecano de Estudantes e Comunicación, José Javier Orosa González, e a coordinadora do PAT do centro, María Jesús Rodríguez Gulías, presentouse o suadoiro co deseño gañador do concurso, así como o resto de artigos que o incorporan e que xa se comercializan na Reprografía da Facultade.