GL ES EN
SUSTENTABILIDADE E INNOVACIÓN SOCIAL
SUSTENTABILIDADE E INNOVACIÓN SOCIAL
09/11/2020

O prazo de preinscrición no Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social da Cátedra Inditex-UDC finaliza o 15 de novembro.

Os interesados poden realizar a preinscrición a través da páxina web www.catedrainditex.org.

 

O programa deste curso de posgrao, conducente ao título de “Experto universitario en sustentabilidade e innovación social”, desenvolverase durante o primeiro semestre de 2021 e conta coa participación de máis dunha trintena de profesionais do ámbito da sustentabilidade, a responsabilidade e a innovación social vinculados a empresas, institucións académicas, organizacións non lucrativas e administracións públicas de proxección nacional e internacional.

O CESIS terá lugar as tardes de mércores e xoves na Facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña (A Coruña) e dispoñerá de bolsas valoradas no 50% do importe da matrícula para o 40% do alumnado.

Desde unha perspectiva eminentemente práctica, os alumnos terán a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos no CESIS a organizacións reais da súa contorna a través do módulo ‘Proxecto de aprendizaxe-servizo’. Así, en colaboración con diferentes entidades que apostan por avanzar na súa sustentabilidade e innovación social, o alumnado desenvolverá proxectos académicos en equipos de traballo de catro ou cinco persoas co obxectivo de elaborar un plan de acción baseado en temáticas identificadas polas devanditas organizacións colaboradoras.