GL ES EN
Posgrao Propio de Especialización en Xestión Empresarial da Innovación
14/11/2013

A Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea da Facultade de Economía e Empresa pon en marcha un Posgrao propio de Especialización en Xestión Empresarial da Innovación.

Este curso está dirixido a licenciados e graduados con e sen experiencia profesional, xestores de empresa, persoal directivo e profesionais, así como a persoas interesadas en participar en proxectos innovadores, incluídos estudantes en proceso de elaboración de TFG.

O curso está deseñado cun contido eminentemente práctico e un horario compatible coa actividade laboral (venres tarde, 16-20 horas e sábados mañá, 10-14 horas).

As materias divídense en dous módulos: "Innovación na empresa: I+D+Mk" (60 h, de Febreiro a Abril de 2014) e  "Gestión Integral da Empresa Innovadora" (70 h, de Abril a Xullo de 2014).

A matrícula será de 800 euros o curso completo e concederanse dúas bolsas aos mellores candidatos segundo os CVs do últimos tres anos, valorando especialmente os cursos de formación, a experiencia coa Cátedra Jean Monnet e os coñecementos de inglés.

A realización do curso completo dá opción a realizar prácticas en empresas innovadoras ou en centros  de investigación, tecnoloxía e/ou transferencia.

O obxectivo é cubrir o baleiro de coñecemento e experiencia profesional na xestión da innovación na empresa, así como coñecer as técnicas actuais de innovación e o desenvolvemento de novos produtos, desenvolver novos modelos de negocio, xestionar de forma eficiente a innovación empresarial e aprender e manexar de forma eficaz as ferramentas de xestión integral da empresa innovadora.

O equipo docente ten acreditada solvencia e profesionalidade nos ámbitos universitario, investigador e da xestión empresarial, xa que está composto por catedráticos, profesores doutores, investigadores, empresarios e profesionais da xestión empresarial.

A metodoloxía empregada no curso baséase no método do caso e en materiais actuais de xestión da innovación, para poder aprender a identificar oportunidades de negocio en mercados inexplorados mediante o manexo de ferramentas de xestión innovadoras.

Para máis información:

http://posgrado.innovacion.udc.es

posgrado.innovacion@udc.es

Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña s/n, 15071, A Coruña.

Teléfono 981 167 000 ext. 2544