GL ES EN

 

PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE TRABALLOS FIN DE GRAO (TFG)

 

Que é o TFG?

O TFG supón a realización, por parte de cada estudante e de forma individual, dun proxecto, unha memoria ou un estudo concreto baixo a supervisión dun ou máis directores/as. Neste traballo deben integrarse e desenvolverse os contidos formativos recibidos, así como as capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante o período de docencia de grao. O TFG non é un traballo de investigación.

 

Cal é o contido dun TFG?

O TFG pode ter estrutura e contidos distintos:

·      Proxectos de creación de negocios e estudo de viabilidade.

·      Estudos técnicos, organizativos e económicos relacionados cos campos propios da titulación.

·      Revisión bibliográfica e descrición da estado da arte nun tema determinado.

·      Aplicación dunha metodoloxía científica.

 

Con carácter xeral, a extensión do TFG será de entre 8.000 e 15.000 palabras, excluídas a bibliografía e os anexos. Igualmente naqueles casos nos que polo carácter cuantitativo, analítico ou de aplicación ou orientación profesional, non for de aplicación o anterior, o TFG poderá ser defendido, logo do informe favorable do titor. En ningún caso o traballo poderá superar 70 páxinas. Seguirase o formato establecido no modelo de Traballo de Fin de Grao da facultade, dispoñible na súa páxina web. No modelo de traballo de fin de grao especifícanse tamén a estrutura básica e as normas de redacción das referencias bibliográficas.

 

Canto terei que traballar?

O TFG supón unha carga de traballo de 12 créditos ECTS, é dicir, 300 horas de traballo para o alumno. Estas horas inclúen todo o traballo que necesitas para superar con éxito a materia:

·      Titorías.

·      Cursos organizados pola Biblioteca.

·      Traballo de procura bibliográfica.

·      Recompilación e análise de datos.

·      Estudo.

·      Elaboración e redacción de contidos.

·      Preparación da presentación.

·      Todas as tarefas necesarias para superar con éxito a materia.

 

Ten en conta que, para preparar e defender o TFG, podes asistir ao curso da Biblioteca sobre preparación dos TFG. Na Biblioteca da facultade atoparás máis información achega do programa, as datas e os horarios deste curso, que se realiza varias veces durante o ano.

 

Quen pode matricularse do TFG?

Para formalizar a matrícula do TFG, o alumnado poderá ter pendentes como máximo 78 créditos ECTS para completar os estudos, incluídos os correspondentes ao TFG, e ter superados todos os da primeira metade do grao. Porén, poderá matricularse do TFG, sen ter superadas todas as materias da primeira metade, cando o número total de créditos pendentes sexa igual ou inferior a 30 ECTS créditos, sen contar os que correspondan ao TFG. 

 

 

Cales son os requisitos para a defensa do TFG?

Poderán defender o TFG os/as estudantes que superasen todos os demais créditos do plan de estudo, estean matriculados do TFG, e solicitasen a defensa nos prazos establecidos. É dicir, para defender o TFG é necesario aprobar todas as demais materias.

 

Quen será o meu titor de TFG?

O TFG será dirixido por un/unha profesor/a de os departamentos con docencia no plan de estudos.

Existen dous procedementos de asignación de titores. O procedemento ordinario é a asignación directa, na xornada de asignación de titores. Durante esta xornada, unha vez comprobado o número de matriculados no TFG, chamarase a cada estudante por orde de expediente académico e o/a estudante comunicará a súa preferencia entre as titorías dispoñibles no momento da chamada. Na páxina web da facultade estará dispoñible a listaxe de liñas de traballo, titores e número máximo de estudantes por cada titor. Poderás consultar a listaxe para concretar as túas preferencias antes da xornada de asignación.

Ademais do procedemento ordinario, os estudantes poderán porse de acordo cun profesor da facultade para concretar unha liña de traballo. Neste caso, será necesario presentar a solicitude correspondente antes da xornada de asignación de titores. Hai que observar que este procedemento ten carácter extraordinario e os profesores só teñen a obrigación de asumir as titorías que se asignan a través do procedemento ordinario.

 

Cando poderei empezar a traballar no meu TFG?

O TFG é unha materia do segundo cuadrimestre do último ano do plan de estudos. Por tanto, a carga de traballo concéntrase neste período. Con todo, deberás porche en contacto co teu titor inmediatamente despois da asignación de titores, para definir o plan de traballo e empezar a traballar. Ten en conta que é a túa responsabilidade porche en contacto co teu titor e terás que facelo canto antes e non máis tarde da primeira semana de clases do segundo cuadrimestre.

 

Cando poderei defender o TFG?

O TFG pódese defender nas datas de avaliación prevista no calendario académico aprobado polo Consello de Goberno da Universidade. En particular, terás dúas oportunidades, como para o resto das materias.

Para solicitar a defensa do traballo deberás contar co visto e prace do teu titor e o seu informe, e deberás entregar na administración da facultade a versión escrita do traballo por triplicado e a versión electrónica en formato pdf.

 

En que consiste a defensa do TFG?

Cada estudante terá que expor o seu traballo ante un tribunal composto por tres profesores da facultade. A defensa realizarase co apoio de aplicacións informáticas (PowerPoint, Adobe Acrobat). A duración da presentación será de 15 minutos, seguida dunha quenda de preguntas que poden formular os membros do tribunal.

 

Que pasa se estou matriculado no TFG e non o consigo defender no curso académico correspondente?

Poderase solicitar por unha soa vez a prórroga de asignación de tema e titor/a. A solicitude estará asinada polo/o titor/a. En calquera caso, será necesario volver matricularse.

 

Se tes calquera outra pregunta ou dúbida, pódeste por en contacto co teu titor PAT; as respostas publicaranse nesta páxina web.